Sunday 05 de May de 2024

A Xunta amplía ata os 3,4 millóns de euros o orzamento do Programa de Fomento de Conservación e Mellora de Accesibilidade das Vivendas


— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incrementa en 2,7 millóns de euros a convocatoria de 2021, cos que prevé atender 170 solicitudes máis

— Con cargo ao crédito inicial da convocatoria, o Goberno galego concedeu 55 axudas por un importe de 680.000 € e xa empezou tramitar os pagos

A Xunta amplía ata os 3,4 millóns de euros a partida do programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade das vivendas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de subvencións.

Esta liña de axudas, convocada en marzo, increméntase agora en 2,7 millóns de euros, un orzamento que permitirá atender 170 solicitudes máis das xa presentadas. Cómpre indicar que esta ampliación non abre de novo o prazo, que pechou a finais de abril, senón que se aplicará aos expedientes xa presentados e que cumpren cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria.

Non obstante, en base ao crédito inicial xa se concederon un total de 55 axudas por un importe de 680.000 euros e, na actualidade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo está empezando a tramitar os pagos aos beneficiarios.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que este programa está dirixido a financiar actuacións de rehabilitación de edificios ou vivendas, como as relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións, das cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras.

No caso das actuación de accesibilidade, destacan a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como calquera intervención que facilite a accesibilidade universal, como elementos de información ou de aviso ou dispositivos electrónicos de comunicación.

Os beneficiarios son persoas propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios, as comunidades de propietarios, así como as agrupacións de propietarios.